⏱️ Tempo de lectura: 5 min
Índice de Contidos
- O poder visual do Xeoparque: o paraíso oculto da fotografía galega
- Ermida da Virxe do Porto (Valdoviño)
- Cando ruxe a tormenta
- A fotografía buscada
- Acantilados de Loiba (Ortigueira)
- Aos pés dos cantís
- Praia de Campelo (Valdoviño)
- O Ritmo da Paisaxe
- Workshops de Fotografía de Paisaxe
- Nova serie de artigos: Xeoparque Cabo Ortegal
Hai lugares que parecen creados para ser fotografados. Non pola súa fama, senón pola súa esencia. O Xeoparque Cabo Ortegal, no norte de Galicia, é un deses espazos nos que a natureza fala con forza. Acantilados que desafían o Atlántico e o Cantábrico, néboas que xogan coa luz e rochas que gardan historias de millóns de anos. O oculto paraíso da fotografía galega.
Recoñecido pola UNESCO como Xeoparque Mundial, este territorio que une os concellos de Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, San Sadurniño, Ortigueira e Valdoviño é un paraíso pouco explorado para quen busca fotografía de paisaxe en Galicia diferente, auténtica e chea de carácter.
Aquí non hai clichés. Hai horizontes infinitos, contrastes de cor imposibles e unha enerxía que cambia coa luz de cada día. Neste artigo quero compartir a miña experiencia como fotógrafo neste lugar extraordinario: as súas paisaxes máis inspiradoras, a forza natural que me levou a crear unha exposición chamada “Capturando a Natureza” e a organizar talleres de fotografía de paisaxe para quen queira vivir esta experiencia coa cámara na man.
O poder visual do Xeoparque: o paraíso oculto da fotografía galega
Hai lugares nos que a luz ten personalidade. No Xeoparque Cabo Ortegal, esa personalidade cambia cada hora, cada día, cada estación. O mar non é só un pano de fondo: é un espello que reflicte o ceo, un escenario que se transforma coa néboa, o vento e a choiva. Para quen mira con ollos fotográficos, é un territorio vivo, en constante movemento.
As formas xeolóxicas que fan deste espazo un referente mundial tamén o converten nun dos escenarios máis inspiradores da fotografía de paisaxe en Galicia. As súas rochas antigas (nacidas nas entrañas da Terra) ofrecen texturas e cores únicas: dourados profundos, grises metálicos, negros brillantes. Cada superficie conta unha historia distinta, e cada encadre propón un reto visual.
A luz atlántica é o verdadeiro segredo: intensa e cambiante, capaz de converter o mesmo lugar nunha imaxe cálida ao amencer e nunha escena dramática ao solpor. É esa luz, imprevisible e poética, a que fai que o Xeoparque Cabo Ortegal sexa un destino para crear fotografía que impresione máis aló das típicas postais.
E quizais esa é a súa mellor virtude: segue sendo un lugar por descubrir. Sen multitudes nin ruído en moitos dos seus rincóns. Un espazo onde o silencio, o bosque, o mar e a pedra marcan o ritmo de cada fotografía. Non me canso de repetetir: o paraíso da fotografía galega en estado puro.
Ermida da Virxe do Porto (Valdoviño)

A Virxe do Porto, en Meirás (Valdoviño), é unha das xoias máis recoñecibles do Xeoparque Cabo Ortegal. Pequena e branca, asentada sobre un illote, semella unha estampa serena… pero non o é. Cada visita é distinta: ás veces o mar dorme, outras ruge con forza, convertendo o lugar nunha voráxine de auga, vento e escuma.
Cando a marea baixa, a ermida é completamente accesible, o que permite explorar o entorno con calma. As rochas próximas gardan texturas e formas únicas que axudan a crear profundidade e forza nas fotografías. É a faciana máis amable da localización, esa na que podes traballar sen présas, deixando que o mar e a luz marquen o ritmo.

Fotografía dispoñible na miña tenda: Rockbound Sanctuary

Fotografía dispoñible na miña tenda: The Thin Line Between Calm & Chaos
Cando ruxe a tormenta
Pero o escenario cambia por completo cando a natureza se enfurece. Nas xornadas de temporal, a marea alta borra o paso cara o illote e a ermida queda illada, rodeada por unha escuma salvaxe e cargada de salitre.
É nese momento cando o lugar amosa a súa versión máis épica… e tamén máis perigosa. Aquí o respecto é fundamental: non hai fotografía que pague unha imprudencia. Coñecer os ritmos do mar e as mareas é tan importante como coñecer o manexo da cámara.

Podes adquirir esta imaxe na miña tenda: Salty Foam
A fotografía buscada
Durante anos volvín unha e outra vez coa cámara, buscando a coincidencia perfecta entre marea, vento e luz. Quería captar esa escena que levaba tempo imaxinando: o mar cubrindo as rochas e formando unha fervenza, o ceo tinguidode dorados e maxentas e o sol encaixando no punto exacto sobre os cantís.
E un día chegou. Todo se aliñou durante uns segundos. A luz abriu unha estrela sobre as rochas e a Virxe quedou envolta nun halo dourado mentres. O mar traspasou os límites e formou unha sorte de fervenza salgada que engadiu o último elemento a unha composición moi esperada. Non sentín que fixese unha foto: sentín que o lugar decidiu regalarma.

Podes adquirir esta imaxe na miña tenda: bota un ollo!
É un deses lugares nos que o tempo parece deterse. Alí cada fotografía é distinta segundo o vento e a marea e un recordatorio de que non todo consiste en disparar, senón tamén en agardar, mirar e escoitar o que o mar ten que dicir.
Acantilados de Loiba (Ortigueira)
Hai costas que non se deixan mirar de calquera maneira. Os Acantilados de Loiba, no corazón do Xeoparque Cabo Ortegal, son un deses lugares nos que o Cantábrico fala a través da pedra.
As súas rochas escuras, afiadas e antigas como o tempo contan historias de movementos tectónicos, de séculos de embates do mar e de longos silencios cheos de forza.

Esta fotografía está dispoñible na miña tenga. Bota un ollo!
O lugar fíxose popular polo coñecido “Banco máis bonito do mundo”, un asento coas vistas máis privilexiadas que se poden imaxinar. Non sei se é o máis bonito —iso é relativo—, pero o que si teño claro é que é un lugar espectacular.
Porén, tamén é un espazo que paga a pena visitar fora da tempada alta, cando o silencio volve ocupar o seu sitio. En verán cheguei a ver colas de xente agardando para facerse un selfie… e a verdade é que ese tipo de turismo non me interesa especialmente. Prefiro descubrir o lugar con calma, coa cámara e o son do mar como únicos compañeiros.
Desde o miradoiro superior, a panorámica é inmensa. Á esquerda, o famoso banco; á dereita, a imponente formación de O Coitelo, esa gran rocha cun furado no medio pola que o mar se esvara con forza cando a marea ruxe.


Aos pés dos cantís
Pero o verdadeiro carácter de Loiba non está arriba, senón ao pé dos cantís, onde o mar rompe con toda a súa carraxe.
É alí onde busco fotografías diferentes, afastadas das multitudes. Onde as texturas húmidas da pedra, o brillo das ondas e a néboa mestúranse para crear escenas irrepetibles.
Cando as mareas baixan moito, o mar deixa ver un pequeno mundo oculto: piscinas naturais, algas e pedras cubertas de vida mariña que se converten en espellos ideais para composicións máis íntimas.

Podes vela na miña tenda: The Secret Below, the Sentinel Above

Loiba é deses lugares que te fan sentir pequeno. O vento leva o sal, o mar fala e o chan treme baixo os pés.
Cada paso entre as rochas é distinto: o mesmo encadre nunca se repite, a luz cambia, a néboa entra e o ton das pedras vira de negro a prata.
Quizais por iso volto sempre aquí. Non tanto para buscar a foto perfecta, senón para escoitar o que o lugar ten que dicir. E cando o fai, a fotografía chega soa.
Porque no Xeoparque Cabo Ortegal, o mar non se fotografa: escóitase.
Praia de Campelo (Valdoviño)
A Praia de Campelo, en Valdoviño, é unha das xoias máis discretas do Xeoparque Cabo Ortegal. Un areal salvaxe, encaixado entre acantilados, onde o vento e o mar parecen xogar cada día a reinventar a paisaxe.
É un lugar que fala baixo: sen edificios, sen ruído, só o son constante das ondas e o cheiro a sal. Un recuncho frecuentado por surfistas e amantes do mar, pero tamén un refuxio para quen busca fotografía de paisaxe en Galicia auténtica e chea de movemento.
Como praia aberta que é, Campelo cambia con cada visita. A marea e o vento escriben unha historia distinta cada hora. Cando coñeces os seus ritmos, comprendes que é coma un ser vivo: cada marea abre e pecha posibilidades, cada cambio de luz crea un novo escenario. Saber se podes achegarte a unha rocha, se o mar traerá a forza que precisas ou se o ceo se tinguirá de cores, convértese nun exercicio de observación e intuición. Unha aprendizaxe continua.
O Ritmo da Paisaxe
Lembro un día de calma absoluta, deses nos que o mar dorme. Entre as rochas ovaladas cubertas de algas, a auga formou pequenas pozas que reflectían o ceo coma espellos. Fixen unha fotografía que sempre quedará comigo, porque aquelas rochas (hoxe xa sepultadas pola area) nunca volveron estar á vista. Foi un deses instantes que a natureza che regala unha soa vez e que agocha por sempre.

Bota un ollo a esta fotografía: The Tide Under the Storm

Podes ver esta imaxe na miña tenda: The Golden Crown
Cando a marea está intermedia, é o momento perfecto para xogar co movemento da auga. As ondas baten contra as rochas creando sedas, texturas e liñas que levan a mirada mar adiante. Cada recuncho ofrece unha nova composición, un pequeno universo de formas e reflexos.


E cando a marea baixa de todo, o Atlántico amosa a súa faciana máis íntima. As rochas debuxan camiños, as pozas reflicten o ceo e o solpor pinta a area en tons dourados e violetas. O lugar énchese de silencio e luz suave, dese tipo de calma que só se atopa nos sitios que non precisan dicir nada para ser inmensos.

Boa un ollo a fotografía na miña tenda: The Shore’s Memory

Campelo é unha praia viva, cambiante, que non se deixa capturar doadamente. Por iso volvo unha e outra vez. Porque cada visita é distinta, e cada fotografía, tamén.
Workshops de Fotografía de Paisaxe
O Xeoparque Cabo Ortegal é un lugar que nunca se esgota. Por iso organizo periodicamente Workshops de Fotografía de Paisaxe nesta zona: pequenos grupos, ritmo tranquilo e moita práctica en campo.
Se queres recibir información sobre as próximas datas, podes deixar o teu correo aquí 👇
¡Mensaxe Enviada!

Nova serie de artigos: Xeoparque Cabo Ortegal
Este artigo é só o primeiro capítulo dun proxecto máis amplo no que quero seguir explorando os recunchos do Xeoparque Cabo Ortegal coa compañía da miña cámara.
Nas vindeiras semanas irei publicando novas entregas sobre lugares como Punta Frouxeira, Vixía Herbeira ou as Fervenzas de San Sadurniño, co seu carácter único e historias detrás de cada fotografía.
Xa liches a segunda entrega da serie do Xeoparque Cabo Ortegal?
Bota unha ollada! Xeoparque Cabo Ortegal: A Memoria da Agua
Se queres recibir aviso cando se publiquen, podes seguirme nas redes para non perder o seguinte capítulo desta viaxe:
Se che interesa seguir a serie, ¡non te despistes!
No tardarei en subir novo contigo!

Leave a reply