⏱️ Tempo de lectura: 12 min
Índice de Contidos:
- Introdución ao Brightin Star 14mm F2.8
- Primeiras impresións
- Packaging e identidade de serie: coherencia de marca
- Primeiras sensacións na man: robustez e acabados
- Especificacións técnicas
- Control manual real: enfoque e hiperfocal
- Detalle mellorable
- O sistema de filtros: unha solución elegante nun 14mm
- No campo: primeiras probas e comportamento real da Brightin Star 14mm F2.8
- Nitidez e comportamento da hiperfocal
- Rendemento óptico equilibrado
- Centro vs Esquinas
- Distorsión e representación do horizonte
- Viñeteado
- Viñeteado con Filtros
- Conclusión sobre o viñeteado
- Aberracións cromáticas
- Sunstars, flares e resistencia ao contraluz
- Fotografía de paisaxe: onde destaca realmente
- Fotografía de costa: aproveitando os 14mm
- Bosques, Fragas e Fervenzas
- Panorámicas
- Como encaixa esta lente na miña mochila?
- Conclusións:
- O que máis me gustou
- Aspectos mellorables
- A quen lle recomendaría esta lente?
- A quen non lla recomendaría?
- Veredicto Final
- ¿Onde mercar o Brightin Star 14mm F2.8?
- Galería de Imaxes
- ¿Queres saber máis?
- Se queres información sobre outras lentes ou sobre fotografía:
Introdución ao Brightin Star 14mm F2.8
Esta review é especialmente importante para min porque Brightin Star envioume esta lente varias semanas antes do seu lanzamento oficial.
Sempre agradezo que unha marca confíe no meu traballo, pero neste caso tamén supón unha responsabilidade engadida. Analizar unha lente antes da súa chegada ao mercado implica partir practicamente de cero: apenas existía información dispoñible máis alá dalgúns datos técnicos facilitados pola propia marca.
Ao longo dos últimos anos tiven ocasión de probar varias lentes de Brightin Star. Algunhas sorprendéronme moi positivamente pola súa relación calidade-prezo; outras deixáronme a sensación de que aínda había marxe de mellora. Por iso tiña especial interese en descubrir onde se situaba este novo 14mm F2.8.
Sobre o papel, a proposta resulta moi atractiva: unha ultra gran angular manual para formato completo, cun deseño compacto, unha distancia mínima de enfoque moi reducida e, sobre todo, a posibilidade de utilizar filtros circulares de 82mm, algo pouco habitual nunha lente destas características.
Por outra banda, as especificacións só contan unha parte da historia.
Nesta review analizarei a súa construción, ergonomía, rendemento óptico e comportamento en fotografía de paisaxe, que é o tipo de fotografía para o que realmente foi posta a proba.
E, como adoita pasar, todo comeza pola primeira impresión.
Imos aló!
Primeiras impresións
Hai un momento que sempre me gusta cando chega unha lente nova: sacala da caixa e descubrir que sensación transmite antes incluso de montala na cámara.
Neste caso a curiosidade era aínda maior, a Brightin Star 14mm F2.8 chegou ás miñas mans antes da súa presentación oficial e saía ao mercado. Pero isto tamén implicaba que apenas coñecía máis información que a facilitada por Brightin Star.
Antes de entrar en cuestións como a nitidez, o comportamento en contraluz ou a presenza de aberracións ópticas, hai unha primeira toma de contacto que considero importante: que impresión deixa esta lente no primeiro contacto?
E a resposta foi bastante positiva desde o primeiro momento.
Packaging e identidade de serie: coherencia de marca
O packaging mantén exactamente a mesma identidade visual que xa vira noutras lentes de Brightin Star, como o 9mm, o 16mm ou o 35mm.
As cores, o deseño gráfico e a distribución dos elementos seguen unha liña moi recoñecible que aporta sensación de continuidade dentro da marca. Pode parecer un detalle menor, pero persoalmente gústame que exista esa coherencia entre produtos.

Ademais, segue presente tamén ese aire retro que xa comentei noutras reviews, cun deseño que inevitablemente me lembra a certa estética tecnolóxica dos anos noventa. É unha cuestión totalmente subxectiva, pero paréceme un detalle con personalidade que diferencia a Brightin Star doutras marcas.
Non afecta en absoluto ao rendemento da lente, por suposto, pero si forma parte da experiencia de produto.
Primeiras sensacións na man: robustez e acabados
Se tivese que definir esta lente cunha soa palabra sería solidez.
A Brightin Star 14mm F2.8 transmite unha sensación de robustez moi superior á que esperaba. O corpo metálico está ben rematado, non presenta folguras e a calidade percibida é claramente superior á doutros modelos da marca que pasaron polas miñas mans.
O deseño tamén me parece acertado. É limpo, funcional e sen elementos innecesarios. Non pretende chamar a atención; simplemente transmite a sensación de ser unha ferramenta pensada para saír ao campo.
E iso, nunha lente completamente manual, é algo que valoro especialmente.
Especificacións técnicas
Antes de recibir a lente solicitei a Brightin Star a información técnica necesaria para poder preparar esta análise.
As súas principais especificacións son as seguintes:
- Distancia focal: 14mm
- Apertura máxima: F2.8
- Apertura mínima: F22
- Distancia mínima de enfoque: 20 cm
- Número de palas do diafragma: 10
- Ángulo de visión: 116°
- Enfoque: Manual (MF)
- Peso: aproximadamente 500 g
- Dimensións: 68,2 × 78mm
- Monturas dispoñibles: Sony E, Nikon Z, Canon RF e Leica L
- Non hai contactos electrónicos.
Pola súa configuración, todo apunta a unha lente especialmente orientada á fotografía de paisaxe e arquitectura. Por este motivo, me centrarei a analizala con probas específicas sobre o terreo.
Control manual real: enfoque e hiperfocal

Tratándose dunha lente completamente manual, unha das primeiras cousas que quería comprobar era a calidade dos seus controis.
Na fotografía de paisaxe adoito traballar con trípode e sen présa, polo que un bo tacto do anel de enfoque é tan importante como a propia calidade óptica.
O anel de enfoque ofrece un percorrido amplo e moi progresivo, permitindo axustes precisos incluso cando traballamos con primeiros planos ou buscamos a hiperfocal. Pola súa parte, o anel de diafragma tamén transmite boas sensacións, con clics ben definidos dende F2.8 a F22.
Un detalle que agradecín especialmente foi a presenza das marcas de profundidade de campo e hiperfocal, claramente gravadas no barrilete.
Sobre o papel son un recurso moi útil, pero o realmente importante era comprobar se funcionaban correctamente no campo.
E, nesta ocasión, cumpriron.
Menciónoo porque na unidade do Brightin Star 16mm F2.8 que analicei hai tempo as referencias non coincidían exactamente co comportamento real da lente. Neste 14mm, pola contra, as marcas resultaron fiables durante as probas que realicei.
Iso permite traballar con maior rapidez cando buscamos a máxima profundidade de campo, sen depender constantemente da ampliación da pantalla.

Detalle mellorable
O anel de enfoque desprázase con bastante suavidade. Durante algunha saída ao campo ocorreu que o movín lixeiramente sen decatarme ao manipular a cámara. Non é un problema serio, pero agradecería un punto máis de resistencia ou algún sistema de bloqueo para evitar desprazamentos accidentais.
O sistema de filtros: unha solución elegante nun 14mm
Se hai un aspecto que me chamou especialmente a atención nesta lente foi a solución adoptada para o uso de filtros.


A pesar de tratarse dun ultra gran angular cun elemento frontal prominente, Brightin Star conseguiu manter a compatibilidade con filtros circulares convencionais mediante un sistema moi sinxelo: un pequeno parasol fixo integrado na lente e un segundo parasol metálico desmontable que incorpora a rosca de 82mm.
Para min é unha vantaxe importante.

Boa parte da miña fotografía de paisaxe realizoa con filtro polarizador e, cando as condicións o solicitan, tamén emprego filtros de densidade neutra para longas exposicións. Poder utilizar o mesmo sistema de filtros que xa teño, sen recorrer a portafiltros específicos, simplifica moito o traballo e tamén reduce custos.

Na imaxe superior, por exemplo, empreguei un filtro ND para alongar o tempo de exposición e suavizar o movemento da auga. É un tipo de fotografía que realizo con frecuencia e onde esta compatibilidade marca unha diferenza importante.
Todo o conxunto transmite ademais unha sensación de robustez acorde co resto da lente.
Como único detalle mellorable, o parasol exterior non pode retirarse coa tapa frontal colocada e esta tampouco pode montarse cando hai un filtro instalado. Non condiciona o uso normal da lente, pero é unha pequena limitación práctica que convén coñecer.
No campo: primeiras probas e comportamento real da Brightin Star 14mm F2.8
As especificacións técnicas son unha boa referencia, pero unha lente demostra o seu valor cando sae ao campo.
Para esta review leveina a diferentes localizacións nas que adoito traballar: bosques, costa e escenas con primeiros planos moi próximos. O obxectivo era comprobar como responde en situacións reais e analizar aspectos como a precisión da hiperfocal, a evolución da nitidez segundo o diafragma, o viñeteado ou o comportamento das esquinas.
Nitidez e comportamento da hiperfocal
A primeira proba consistiu en comprobar dúas cuestións ao mesmo tempo: se as marcas de hiperfocal eran fiables e como evolucionaba a nitidez da lente ao pechar o diafragma.
Neste caso escollín unha escena de bosque cun primeiro plano situado moi preto da distancia mínima de enfoque e unha fervenza ao fondo. Todas as fotografías realizáronse co filtro polarizador de 82mm instalado para reproducir unha situación de uso completamente real.
Os resultados foron os seguintes:
- F2.8: enfoque demasiado difuso para paisaxe. Apertura máis pensada para usos creativos ou escenas onde o foco recaia nun punto concreto.
- F4: o fondo comeza a definir mellor, pero o primeiro plano segue claramente fóra de foco. Aínda non a considero unha apertura recomendable para paisaxe.
- F5.6: a nitidez mellora de forma evidente e o plano medio gaña definición. O primeiro plano continúa limitado pola súa proximidade, pero xa é unha apertura perfectamente utilizable.
- F8: aquí aparece o punto doce da lente. Excelente equilibrio entre profundidade de campo e nitidez, cun rendemento moi consistente en toda a escena.
- F11: mantén unha calidade moi alta e aumenta lixeiramente a profundidade de campo. Comeza a apreciarse unha difracción moi leve ao ampliar a imaxe, aínda que na práctica segue sendo unha opción excelente.
- F16: permite recuperar boa parte do primeiro plano grazas ao aumento da profundidade de campo, aínda que a difracción xa é visible ao revisar a fotografía ao 100 %.
- F22: practicamente toda a escena queda enfocada, pero a perda de microdetalle causada pola difracción resulta evidente. É unha apertura que reservaría para casos moi concretos.
Na seguinte galería pódese apreciar a evolución da profundidade de campo e da nitidez en cada unha das aperturas.
Rendemento óptico equilibrado

Despois das probas realizadas, a Brightin Star 14mm F2.8 deixoume unha impresión moi positiva.
O seu mellor rendemento sitúase entre F8 e F11, onde ofrece un excelente equilibrio entre nitidez, profundidade de campo e control da difracción. Para a maior parte das situacións de fotografía de paisaxe, son as aperturas que empregaría sen dubidalo.
Se a composición require primeiros planos extremadamente próximos, F16 pode ser unha boa alternativa, asumindo unha pequena perda de microdetalle provocada pola difracción. Pola contra, reservaría F22 unicamente para situacións moi específicas nas que a profundidade de campo sexa prioritaria.
Outro aspecto que tamén me sorprendeu foi a precisión das marcas de hiperfocal. Durante todas as probas funcionaron exactamente como esperaba, algo que agradezo especialmente despois da experiencia menos satisfactoria coa miña unidade do Brightin Star 16mm F2.8. Poder confiar nelas sobre o terreo facilita moito o traballo cando buscas rapidez sen renunciar á precisión.
Centro vs Esquinas
Para avaliar este apartado escollín unha fotografía realizada na costa de Valdoviño. Non é unha proba de laboratorio con cartas de resolución nin condicións perfectamente controladas, pero si unha situación real, que ao final é onde esta lente vai pasar a maior parte da súa vida.

Busquei un encadre no que tanto o centro como as esquinas contasen con elementos situados a distancias similares, intentando que a comparación fose o máis representativa posible.
A fotografía realizouse a F8, a apertura na que considero que esta lente ofrece o mellor equilibrio entre profundidade de campo e rendemento óptico. As imaxes están simplemente reveladas, sen correccións ópticas nin enfoques adicionais.



Distorsión e representación do horizonte
Toda lente ultra gran angular presenta certo nivel de distorsión, e esta Brightin Star 14mm F2.8 non é unha excepción.
Nas miñas probas observei un efecto curioso cando traballamos con horizontes moi amplos. Unha vez nivelada a fotografía, a distancia entre o horizonte e unha referencia recta paralela non se mantén completamente constante ao longo da imaxe. Existe unha lixeira tendencia a que o horizonte “caia” cara aos extremos do encadre.
Non estamos ante unha distorsión especialmente acusada nin problemática para a maioría de situacións reais, pero é algo que convén coñecer cando traballamos con escenas mariñas ou composicións onde o horizonte ten un peso visual importante.
A seguinte imaxe amosa este comportamento de forma máis clara.

Na práctica, raramente supuxo un problema durante as probas e forma parte do comportamento esperable nun ultra gran angular desta cobertura.
Viñeteado
Comecei comprobando o comportamento da lente sen ningún filtro montado para establecer un punto de partida.
A máxima apertura aparece un viñeteado óptico claramente apreciable, algo completamente esperable nun ultra gran angular de 14mm e F2.8. O escurecemento distribúese de maneira bastante uniforme nas catro esquinas e, en ningún momento, observei indicios de viñeteado mecánico.

Ao montar unicamente o adaptador, o comportamento mantense practicamente idéntico. Se existe algunha diferenza respecto á configuración anterior, resulta tan pequena que apenas é perceptible nas probas realizadas. Na práctica, o adaptador non supón un problema neste aspecto.

Viñeteado con Filtros
A situación cambia ao instalar un filtro circular de 82mm.
Con un único filtro aparece un viñeteado mecánico adicional nas esquinas, claramente visible a máxima apertura. Con todo, a medida que pechamos o diafragma o efecto redúcese de forma notable e chega practicamente a desaparecer nas aperturas que adoito empregar para fotografía de paisaxe.


Quixen ir un paso máis alá e comprobar tamén o comportamento apilando dous filtros. Neste caso, o viñeteado faise moi evidente e afecta de maneira clara ás catro esquinas da imaxe.

Persoalmente apenas utilizo dous filtros á vez, salvo situacións moi concretas, polo que non considero que sexa unha limitación importante no meu fluxo de traballo. Ademais, este comportamento tamén depende en boa medida do grosor dos propios filtros. Empregando modelos de perfil fino (“Slim”) é probable que este efecto se reduza parcialmente.
Conclusión sobre o viñeteado
O viñeteado forma parte do comportamento normal desta lente e non me parece un aspecto especialmente preocupante.
Sen filtros, o comportamento é o esperable nun 14mm desta luminosidade. Cun único filtro aparece un escurecemento adicional nas esquinas, aínda que desaparece en boa medida ao pechar o diafragma. Só ao apilar dous filtros o viñeteado chega a resultar realmente acusado.
En calquera caso, trátase dun efecto moi sinxelo de corrixir durante o revelado e que, nas miñas saídas ao campo, nunca chegou a condicionar ningunha fotografía.
Aberracións cromáticas
Un dos aspectos que tamén quixen comprobar foi o comportamento fronte ás aberracións cromáticas. Trátase dun defecto relativamente habitual en lentes ultra gran angulares, especialmente en zonas de alto contraste como ramas contra o ceo, edificios iluminados polo sol ou elementos escuros recortados sobre fondos moi luminosos.
Durante as distintas saídas ao campo prestei especial atención a este aspecto, revisando os arquivos RAW sen aplicar correccións ópticas automáticas.
A miña impresión é bastante positiva. Mesmo en escenas esixentes apenas atopei franxas de cor apreciables e, cando aparecen de forma puntual en situacións de contraluz extremo, resultan moi discretas e fáciles de eliminar durante o revelado.
Sunstars, flares e resistencia ao contraluz
O contraluz adoita ser unha das situacións máis esixentes para calquera lente, especialmente cando o sol entra directamente no encadre.
Durante as probas observei que esta Brightin Star 14mm F2.8 ten problemas para conseguir definición nos sunstars dependendo da situación. Se a comparamos con outras lentes da marca que probei anteriormente, as estrelas solares aparecen algo menos marcadas e, cando o sol entra directamente no encadre, poden aparecer flares e brillos bastante molestos.
Nas seguintes imaxes pódese apreciar bastante ben este comportamento.

A seguinte secuencia ilustra bastante ben este comportamento.


Partindo desa segunda captura foi posible completar o procesado sen moitas dificultades e obter unha fotografía perfectamente utilizable.

Entre a primeira e a segunda captura apenas transcorreron uns segundos. Simplemente agardei a que o sol descendese lixeiramente detrás da vexetación e modifiquei minimamente o encadre. Ese pequeno cambio foi suficiente para reducir notablemente os flares e facilitar o procesado posterior.
Máis que un problema grave da lente, paréceme un aspecto que convén coñecer para anticiparse durante a toma. Cun pouco de coidado na composición é doado minimizar este comportamento e obter resultados moi satisfactorios.
Fotografía de paisaxe: onde destaca realmente
Se tivese que quedar cunha sensación despois destas semanas de probas creo que teño claro cla sería.
É unha lente que invita a achegarse ao primeiro plano, explorar a escena e buscar composicións diferentes. Ao final, esa foi probablemente a razón pola que acabei desfrutando tanto dela, independentemente de que estivese fotografando a costa, un bosque ou unha fervenza.

Fotografía de costa: aproveitando os 14mm
Se hai un lugar onde esta Brightin Star 14mm F2.8 me convenceu especialmente foi na costa.
Os 14 mm permiten construír composicións moi inmersivas, especialmente cando traballamos con primeiros planos próximos. A curta distancia mínima de enfoque (20 cm) ofrece moita liberdade para achegarse ás rochas, ás texturas ou a elementos do primeiro plano e convertelos nunha parte esencial da composición.
Durante unhas sesións en Virxe do Porto e Punta Frouxeira aproveitei precisamente esa característica. As formacións rochosas actuaban como liñas naturais que guiaban a mirada cara á ermida ou o faro, mentres a luz lateral do solpor resaltaba as texturas da pedra e axudaba a separar visualmente os distintos planos da escena.


É precisamente neste tipo de situacións onde estes 14 mm cobran sentido. Non se trata simplemente de abarcar máis espazo, senón de crear unha sensación de profundidade moito máis marcada. Ao poder situar o primeiro plano moi preto da cámara sen perder protagonismo no fondo, as composicións gañan forza e transmiten unha maior sensación de inmersión.
A luz lateral xeraba sombras suaves entre as rochas e permitía separar mellor os distintos planos da escena. É precisamente neste tipo de situacións onde estes 14mm cobran sentido: non tanto por abarcar máis espazo, senón por permitir construír composicións nas que o primeiro plano cobra un protagonismo especial sen perder contexto.
Bosques, Fragas e Fervenzas
Se na costa destaca pola capacidade de construír composicións amplas, no bosque é onde realmente se aprecia a combinación entre a curta distancia mínima de enfoque e a gran profundidade de campo que ofrece esta lente.
Achegarse aos primeiros planos sen perder o contexto da escena permite crear fotografías moi inmersivas, especialmente cando traballamos con fentos, musgos, raíces ou pequenos regatos. É un tipo de fotografía no que cada centímetro conta, e eses 14 mm permiten integrar moita información dentro do encadre sen que a escena perda naturalidade.

Neste tipo de localizacións adoito traballar con trípode, enfocando con calma e recorrendo con frecuencia á hiperfocal ou ao focus stacking. Trátase dunha forma de fotografar na que o enfoque manual non supón ningunha limitación; ao contrario, o amplo percorrido do anel permite realizar axustes moi precisos cando buscamos a máxima nitidez.

Esta fotografía que acompaña este apartado está realizada a F8 mediante focus stacking. A combinación desta apertura coa técnica de apilado permitiume manter perfectamente nítidos tanto os fentos do primeiro plano como as árbores do fondo, ilustrando moi ben o tipo de escenas nas que esta Brightin Star 14mm F2.8 se sente realmente cómoda.
Panorámicas
Outro aspecto que tamén me gustou foi o comportamento da lente en panorámicas.
Nunha das composicións conseguín integrar tanto a ermida como o Faro de Punta Frouxeira nunha panorámica duns 180°, construída a partir de sete fotografías verticais.

A cobertura destes 14mm permite reducir o número de tomas necesarias, simplificando tanto a captura como o posterior proceso de edición.
Ademais, o propio carácter da focal potencia a sensación de profundidade grazas á presenza dos primeiros planos, algo que funciona especialmente ben neste tipo de imaxes.
Como encaixa esta lente na miña mochila?
Durante todas estas semanas foi inevitable comparala coa lente que máis utilizo para fotografía de paisaxe: o Canon RF 15-35mm F2.8L.
A lente Canon segue sendo unha ferramenta extraordinariamente versátil. O zoom permite adaptarse a practicamente calquera situación e a súa calidade óptica está fóra de toda dúbida. De feito, boa parte das fotografías que forman parte do meu portfolio foron realizadas con ela.
Pero precisamente por iso resulta interesante preguntarse que pode aportar unha lente como esta Brightin Star 14mm F2.8.
A resposta está nese milímetro extra.
Pode parecer pouca diferenza sobre o papel, pero en determinadas localizacións, cando traballas moi preto do primeiro plano ou buscas enfatizar a escala da paisaxe, eses 14mm ofrecen unha perspectiva máis extrema e inmersiva. Unha forma diferente de construír a composición.
E aquí é onde realmente me sorprendeu esta lente.
Agardaba atopar unha lente que simplemente me ofrecese ese milímetro extra cando a composición o necesitase. O que non esperaba era un rendemento óptico tan convincente.
Tendo en conta o rango de prezo no que se move, creo sinceramente que Brightin Star fixo un gran traballo con este 14 mm.
Non vai substituír ao meu 15-35mm. Nin creo que ese sexa o seu obxectivo.
Pero si gañou un oco na mochila para esas situacións nas que quero levar a perspectiva un paso máis alá.
Conclusións:
Despois de varias semanas empregando esta Brightin Star 14mm F2.8 teño bastante claro cal foi a maior sorpresa desta review.
Non foi descubrir unha lente de 14mm cun ángulo de visión moi amplo. Iso xa o esperaba.
Tampouco atopar unha construción totalmente metálica ou un sistema de filtros ben resolto.
O que realmente me sorprendeu foi comprobar ata que punto Brightin Star mellorou respecto a outras lentes da marca que tiven ocasión de probar.

A sensación xeral é a dun produto máis maduro. Mellor construído, mellor rematado e, sobre todo, cun rendemento óptico que considero moi superior ao que esperaba cando comecei esta análise.
Durante todas as probas acabou respondendo con solvencia nas situacións nas que máis a puxen a proba: primeiros planos moi próximos, composicións en costa, bosques con abundante detalle, panorámicas ou fotografías nas que necesitaba confiar plenamente nas marcas de hiperfocal. E iso, para min, ten moito máis valor que calquera especificación sobre o papel.
Evidentemente non é unha lente perfecta. Gustaríame que o sistema da tapa frontal estivese algo mellor resolto e creo que a roda de enfoque podería ofrecer un pouco máis de resistencia para evitar movementos accidentais. Tamén haberá quen bote en falta autofoco ou selado climático.
Pero ningunha desas cuestións cambia a sensación coa que rematei esta review.
Porque cada vez que volvía revisar as fotografías no ordenador atopábame pensando o mesmo: “esta lente rende realmente ben”.
E iso é probablemente o mellor que podo dicir dela.
O que máis me gustou
✅ Construción totalmente metálica e sensación de robustez
✅ Excelente solución para o uso de filtros circulares de 82mm
✅ Marcas de hiperfocal útiles e ben calibradas
✅ Moi boa nitidez entre F5.6 e F11
✅ Distancia mínima de enfoque de só 20cm
✅ Excelente ferramenta para composicións con primeiros planos moi potentes.
✅ Rendemento óptico moi por enriba do esperable no seu rango de prezo.
✅ Enfoque manual preciso grazas ao amplo recorrido do anel
Aspectos mellorables
⚠️ A tapa frontal non pode colocarse cun filtro montado
⚠️ O parasol externo require retirar previamente a tapa para desmontalo
⚠️ Os flares poden aparecer con certa facilidade en contraluces moi directos
⚠️ O anel de enfoque agradecería un pouco máis de resistencia para evitar movementos accidentais.
⚠️ Non dispón de selado para condicións meteorolóxicas adversas
A quen lle recomendaría esta lente?
Recomendaríaa especialmente a fotógrafos de paisaxe que busquen unha ultra gran angular ben construída, cun rendemento óptico moi superior ao que cabería esperar polo seu prezo.
Paréceme unha opción especialmente interesante para quen xa dispoña dun angular principal (como pode ser un 16-35mm ou un 15-35mm) e queira complementalo cunha focal máis extrema para aquelas composicións nas que ese pequeno extra de cobertura marca realmente a diferenza.
Tamén a recomendaría a fotógrafos que empreguen habitualmente filtros polarizadores ou de densidade neutra e valoren poder seguir utilizando filtros circulares convencionais de 82mm, evitando sistemas específicos moito máis caros e aparatosos.
A quen non lla recomendaría?
Pola contra, probablemente non sexa a mellor elección para quen busque unha única lente angular para todo tipo de situacións. Nese caso, un zoom como un 16-35mm ou un 15-35mm seguirá ofrecendo unha versatilidade moi superior.
Tampouco a recomendaría a quen dependa completamente do autofoco ou prefira unha experiencia totalmente automatizada. Esta é unha lente pensada para traballar con calma, aproveitar o enfoque manual e dedicar tempo á composición.
Se, pola contra, disfrutas dese proceso máis pausado e buscas unha ferramenta específica para fotografía de paisaxe, creo que esta Brightin Star ten moito que ofrecer.
Non recomendaría esta lente como substituta dun bo zoom angular. Recomendaríaa como complemento. E creo que é precisamente aí onde amosa todo o seu potencial.
Veredicto Final
A Brightin Star 14mm F2.8 deixoume unha impresión moi positiva.
Cheguei a esta review buscando unha lente que complementase o meu Canon RF 15-35mm F2.8L. Simplemente quería gañar ese milímetro extra cando a composición o pedise.
O que non esperaba era atopar unha óptica que, ademais diso, me convencese polo seu rendemento.
A Brightin Star 14mm F2.8 ofrece unha calidade óptica moi seria, unha construción excelente e detalles tan prácticos como a posibilidade de utilizar filtros circulares convencionais, algo que para un fotógrafo de paisaxe marca unha diferenza importante.


¿Vai substituír ao meu 15-35mm? Non. Nin creo que esa sexa a súa intención.
Pero si teño claro que a partir de agora ocupará un lugar na miña mochila. Porque hai composicións nas que ese milímetro extra cambia completamente a fotografía, e saber que podo conseguilo sen renunciar a unha boa calidade de imaxe fai que sexa unha lente á que, estou seguro, vou recorrer con frecuencia.
E ao final, creo que esa é a mellor conclusión posible para calquera review: cando rematas de probala e o único que che apetece é volver saír ao campo con ela.
¿Onde mercar o Brightin Star 14mm F2.8?
Podes mercar a lente directamente na Tienda oficial de Brightin Star ou en distribuidores autorizados. Asegúrate de seleccionar a montura que se axuste a túa cámara.
Galería de Imaxes
Vos comparto algunhas das fotografías que realicei co Brightin Star 14mm F2.8:
¿Queres saber máis?
Se tes dúbidas, queres ver máis exemplos ou simplemente falar sobre lentes, xa sabes onde atoparme. E se xa probaches esta lente ou unha similar, ¡cóntamo! Encantaríame saber como foi a túa experiencia.
Aquí deixo as miñas redes sociais:
Si te gustou o artigo ou lle atopaches utilidade, ¡comparteo!













Leave a reply