⏱️ Tempo de lectura: 5 min
Índice de Contidos
- Faro de Punta Frouxeira (Valdoviño)
- A primeira visita
- Explorando e Deambulando
- A fotografía que levaba tanto tempo perseguindo
- Misión Cumprida
- Workshops de Fotografía de Paisaxe
- Nova entrega da serie Xeoparque Cabo Ortegal
Despois de percorrer o interior do Xeoparque Cabo Ortegal, entre fragas, ríos e fervenzas, chego de novo ao mar. Hai algo profundamente simbólico neste regreso: volver á costa é tamén volver á orixe da luz, ao lugar onde comeza e remata o horizonte. Á procura das luces que falan co mar.
O Xeoparque Cabo Ortegal é un territorio de contrastes: pedra antiga e océano infinito, calma e bravura, néboas e claridades. Se as fervenzas gardaban o murmurio da auga e a paciencia do tempo, os faros representan o contrario: o instante exacto no que a luz rompe a escuridade.
Os faros naceron para guiar aos navegantes, pero tamén poden guiar a quen busca unha forma de reencontrarse. Nesta nova entrega da serie, a viaxe lévame a un deses sinais luminosos que marcan a costa e a miña traxectoria fotográfica: Faro de Punta Frouxeira no Concello de Valdoviño
Faro de Punta Frouxeira (Valdoviño)
Durante moito tempo, visitei Punta Frouxeira máis como turista que coma fotógrafo. Quizáis pola miña falta de experiencia ou por pensar que aquel lugar xa estaba “feito”, que pouco máis podería ofrecer ao meu ollo. E, como tantas veces, estaba completamente errado. Como desfruto cando pasa isto!
Coñecía a zona, como xa saberedes os que xa líchedes o primeiro artigo desta serie: Xeoparque Cabo Ortegal: o paraíso oculto da fotografía galega. Virxe do Porto é unha das miñas localizacións favoritas e desde a cal tes vista directa do faro ao lonxe.
A primeira visita
Un día decidín volver, con calma, coa cámara e sen expectativas. Sen afastarme demasiado do faro, comecei a explorar arredor. As rochas, antes invisibles, convertéronse nun mundo de texturas e formas que parecían contar historias antigas; a herba batida polo vento trazaba liñas naturais; as fendas e pregues da costa revelaban unha xeoloxía única dentro do Xeoparque Cabo Ortegal.
Aquel día comprendín que non era o lugar o que non tiña nada que ofrecerme: era eu quen non tiña aprendido aínda a mirar.
E entón chegou o agasallo desexado: un solpor magnífico. O ceo tinguiuse de tons laranxas e dourados, a luz caeu suave sobre o faro e o mar semellaba respirar cunha calma hipnótica. Foi a primeira vez que sentín o potencial real deste sitio, e a primeira vez tamén que entendín que debía exploralo moito máis.

Hai rochas que permiten xogar coas composicións, creando liñas que conducen a mirada cara o faro, e incluso integrar na imaxe a boca dun túnel militar abandonado hai anos. Aquel primeiro día, ademáis, a natureza agasalloume cun atardecer máxico: luz cálida, ceo de bruma laranxa e un mar que parecía respirar.


Explorando e Deambulando
Co paso do tempo, e case sen decatarme, comecei a afastarme máis e máis do faro. Cada poucos metros aparecía algo novo: unha curva inesperada na costa, unha fractura nas rochas con texturas imposibles, un saliente que permitía aliñarme co faro dun xeito totalmente diferente. Había días nos que só avanzaba uns metros; noutros, percorría case toda a contorna en busca dunha perspectiva que non tivera visto antes.

Tiven moita sorte cos ceos. En practicamente todas as visitas, a luz regaloume algo especial: nubes que se abrían xusto no momento preciso, contraluces suaves, atmosferas cálidas ou incluso solpores de cores intensas que transformaban a paisaxe. Esa variedade de condicións permitiume volver unha e outra vez a composicións similares, pero sempre cunha personalidade distinta. Cada imaxe fala dun día diferente, dunha luz distinta e dun estado de ánimo único.


Así fun reunindo un pequeno arquivo visual de Punta Frouxeira: dende as primeiras fotografías feitas pegado ao faro ata encadres máis amplos e afastados, buscando sempre novas formas, novas texturas e novas historias que contar coa costa como protagonista.


A fotografía que levaba tanto tempo perseguindo
Desde a miña segunda visita comecei a cabilar e argallar, a pensar nunha panorámica moi concreta, unha imaxe que unise nun só golpe de vista toda a forza xeolóxica de Punta Frouxeira. Quería que as rochas do primeiro plano, cheas de texturas, fendas e oquedades, formasen un dobre arco natural. Este guiaría a mirada ata o faro, pequeno na distancia pero perfectamente centrado, como o corazón silencioso deste pequeno universo de pedra.
Non era unha fotografía fácil. Necesitaba un ceo interesante, unha luz cálida e un punto de vista extremo que deformase as rochas xusto o necesario para crear esa sensación case surreal que eu imaxinaba. Probeino varias veces, pero sempre faltaba algo: o ceo, a luz, ou simplemente o meu propio estado de ánimo.
Ata que chegou o día. Aquí está o resultado!
Misión Cumprida
Foi unha visita totalmente inesperada. Viñamos de volta dunha viaxe polo Courel e ao ver que o ceo comezaba a tinguirse con cores de solpor, decidimos cambiar os plans sobre a marcha. En vez de volver para casa, fomos directos a Punta Frouxeira en busca dun último solpor.
E aquela decisión foi a clave.
O ceo estalou nunha combinación de tons laranxas, vermellos e rosas que parecía pintada a propósito. Montei o trípode rápidamente no punto exacto no que o primeiro plano funcionaba como quería e comecei a fotografar. Unha panorámica extrema, case 360º, que dobraba e retorcía a costa ata converter a paisaxe nunha escena case fantástica.

Esta escena está dispoñible como impresión de paisaxe en Galicia en diferentes formatos: ver esta fotografía en detalle!
O faro, pequeniño na distancia, quedou perfectamente enmarcado no centro da composición. E, ao seu redor, toda a xeodiversidade do Cabo Ortegal. As rochas dobradas, as fracturas, as superficies ásperas, esa paisaxe única que lle deu ao territorio o recoñecemento da UNESCO.
Por fin, despois de tantas visitas, tantas probas e tanta teima… conseguín a fotografía que levaba tempo imaxinando.
Unha imaxe que, máis que despedirse, é unha homenaxe ao lugar que tantas veces me abriu novos camiños.
Unha imaxe que é un ata pronto.
Sei que voltarei, teño moito que explorar aínda!
Workshops de Fotografía de Paisaxe
O Xeoparque Cabo Ortegal é un lugar que nunca se esgota. Por iso organizo periodicamente Workshops de Fotografía de Paisaxe nesta zona: pequenos grupos, ritmo tranquilo e moita práctica en campo.
Se queres recibir información sobre as próximas datas, podes deixar o teu correo aquí 👇
¡Mensaxe Enviada!

Nova entrega da serie Xeoparque Cabo Ortegal
Este artigo forma parte da serie de artigos dedicados ao Xeoparque Cabo Ortegal. Este é un proxecto fotográfico e persoal no que sigo explorando a conexión entre natureza, luz e territorio.
Nas próximas entregas continuarei viaxando por outros recunchos do Xeoparque. Acompañame na miña viaxe por outras localizacións. Lugares que gardan a súa propia voz e historia.
Se queres acompañarme nesta viaxe fotográfica, podes seguir as actualizacións na web ou nas miñas redes.
Se aínda non liches a primeira entrega desta serie. Aquí tes o primeiro artigo: Xeoparque Cabo Ortegal: o paraíso oculto da fotografía galega
E tamén o segundo! Aquí está: Xeoparque Cabo Ortegal: A Memoria da Auga
Se queres recibir aviso cando se publiquen, podes seguirme nas redes para non perder o seguinte capítulo desta viaxe:
Se che interesa seguir a serie, ¡non te despistes!
No tardarei en subir novo contigo!

Leave a reply