Ola lectores!
Hoxe quero compartir con vós unha experiencia realmente interesante que xurdiu despois da miña participación no Kase Photography Contest 2022. Ao comezo deste ano, tiven a gran sorte de ser premiado cun dos primeiros premios pola miña fotografía ‘The Golden Crown’.
Como premio, supostamente recibiría o Kase KW Revolution Magnetic Professional ND Kit de 82mm.
Non obstante, algo aínda máis interesante aconteceu. Logo dunha conversa coa marca e de compartir as miñas necesidades e preferencias, chegamos a un acordo especial. En vez de recibir o kit de 82mm, a marca xenerosamente decidiu enviarme o Kase KW Revolution Magnetic Professional ND Kit de 95mm e engadiu dous aneis adaptadores adicionais para lentes de 77mm e 82mm. Este acordo personalizado deume a oportunidade de explorar e experimentar por primeira vez con filtros magnéticos compatibles coa lente que emprego nunha alta porcentaxe das miñas fotografías, a miña Irix Blackstone 15mm que ten un diámetro de 95mm.
Ademais, este acordo tamén abriu as portas a unha interesante colaboración coa marca Kase Filters e co seu distribuidor DCAMARA. Estou realmente emocionado de poder traballar xunto a eles para compartir as miñas impresións, experiencias e resultados ao utilizar o seu material.
¡A partir de hoxe podedes desfrutar dun desconto dun 8% en todos os productos KASE empregando o código LOST na web de DCAMARA!
Antes de continuar, quero aclarar que isto non se trata dunha colaboración pagada nin nada semellante. Isto significa que reflectirei neste artigo calquera aspecto que considere negativo ou que non me convenza ao 100% deste kit de filtros.
Comecemos!
Os meus primeiros filtros magnéticos
O mundo da fotografía e os seus accesorios está a experimentar unha evolución constante nos últimos anos. Cada vez máis marcas están a lanzar novos produtos que buscan mellorar e facilitar a nosa experiencia fotográfica. Entre esta ampla gama de accesorios, había un en particular que chamaba poderosamente a miña atención e despertaba a miña curiosidade: os filtros magnéticos.
Os filtros magnéticos representan unha innovación no campo da fotografía, ofrecendo unha forma práctica e eficiente de utilizar filtros nas nosas tomas. En lugar dos sistemas tradicionais que, moitas veces, requiren portafiltros e adaptadores, os filtros magnéticos usan un sistema de montaxe magnética que os fai extremadamente fáciles de colocar e quitar na nosa lente. Esta tecnoloxía magnética proporciona unha suxección segura e firme, evitando movementos ou vibracións non desexadas durante a captura.
Así que, cando recibín os Kase KW Revolution Magnetic Professional ND Kit, estaba emocionado por darlles unha oportunidade, ver que tal funcionaban e a calidade que ofrecían. Nos seguintes apartados, compartirei as miñas primeiras impresións e experiencias ao utilizar estes novos filtros magnéticos en diferentes situacións e condicións de iluminación. E ademáis, veremos se cumpriron coas miñas expectativas ou non!
Packaging
Creo que podería xeneralizar se digo que a todos nos gusta unha boa presentación cando recibimos un produto na casa, certo?
Pois neste aspecto, ¡Kase fixo os deberes!
O embalaxe do Kase KW Revolution Magnetic Professional ND Kit enfócase en ofrecer unha presentación atractiva e funcional, que protexe os filtros e ofrece unha experiencia agradable ao usuario. Cada detalle, desde o deseño exterior ata a organización interna, está coidadosamente pensado para proporcionar unha experiencia de desempaquetado cómoda e intuitiva.
O kit preséntase nunha caixa resistente e elegante que reflicte a calidade, o valor do produto e o interese por parte da marca en manter protexidos os filtros durante o seu transporte e almacenamento.
Na parte frontal da caixa, atopamos o logotipo de Kase, así como unha imaxe ilustrativa que nos mostra o que podemos conseguir cos filtros incluídos no kit. Ao abrir a caixa, vemos un interior organizado e ben deseñado que asegura que os filtros veñan ben protexidos.
Que inclúe este Kase KW Revolution Magnetic Professional ND Kit?
Pois isto é o que nos atopamos no kit:
- 1 x Adaptador interno magnético ultra delgado.
- 1 x Adaptador interno magnético.
- 1 x Filtro KASE KW Revolution Polarizador
- 1 x Filtro KASE KW Revolution ND8 (3 Pasos)
- 1 x Filtro KASE KW Revolution ND64 (6 Pasos)
- 1 x Filtro KASE KW Revolution ND1000 (10 Pasos)
- 1 x Estuche portafiltros
- 1 x Tapa magnética
Kase Revolution Magnetic Filters
Antes de mergullarnos na miña experiencia persoal cos Kase KW Revolution Magnetic Professional ND, quero deixar claro que non me adentrarei en detalles técnicos que se poden atopar facilmente na páxina web de Kase, na do seu distribuidor DCAMARA ou noutros puntos de internet. O propósito principal deste artigo é compartir a miña experiencia práctica, as miñas sensacións e como estes filtros influíron no meu proceso creativo. Aínda así, mencionarei algúns aspectos que creo que son interesantes.
Primeiras Impresións
As primeiras sensacións ao ter nas mans este kit son que se trata de material de calidade, robusto e con acabados realmente coidados.
Tanto nos filtros, pasando polos aneis/adaptadores e incluso a pequena funda para almacenalos, podemos apreciar que todo está construído con bos materiais e que, esperemos, sexan duradeiros (todo apunta a iso polo momento). Aínda que esto último, ¡o iremos comprobando co paso do tempo!
Ademais, un dos detalles sobre dos que tiña certas sospeitas era se o sistema magnético que sustenta toda esta “tecnoloxía” sería abondo fiábel e agora podo asegurarvos que ata o momento o foi ao 100% e mellorou calquera das miñas expectativas iniciais.
É máis, cando tes varios filtros colocados simultaneamente, ou mesmo a tapa do propio kit, pode resultar ata “complicado” sacar só o último debido á forza coa que se unen. Nada preocupante, cun pouco de maña e práctica, ¡o farás sen problema!
Estuche
O kit inclúe unha funda de cor marrón na que caben tódolos elementos organizados e na que irán 100% protexidos de golpes, sucidade e po. A funda ten unha pequena cinta que permite axustala ao cinto e outra que nos permitirá enganchara ao noso trípode ou suxetala con maior seguridade.
A súa construción permite abrila e despregala bastante de xeito que podes ver todo o seu contido cun simple vistazo.
Código de Cores
Cada un dos filtros deste kit ten un anel coloreado na súa parte exterior que responde a un código de cores que nos facilita a identificación rápida xa sexa na funda ou colocado na propia lente:
- Prateado: Polarizador.
- Azul: ND8 (3 pasos)
- Amarelo: ND64 (6 pasos)
- Vermello: ND1000 (10 pasos)
Deste xeito, só cun vistazo identificamos que filtro estamos a buscar na funda ou cales temos colocados na nosa lente.
Algo tan sinxelo como este simple código de cores facilítanos moito o traballo, especialmente neses amenceres e atardeceres nos que a luz cambia tan rápido e nós debemos adaptarnos á mesma velocidade.
Aneis, Adaptadores e Compatibilidade
Como xa comentei anteriormente, este kit trae dous aneis que se acoplan á nosa lente e permiten colocar sobre eles os filtros magnéticos.
Tanto se colocamos o máis delgado coma o clásico, poderemos empregar tanto os filtros magnéticos coma os filtros clásicos ademáis de seguir usando a tapa de serie da nosa lente e o seu parasol, así como a tapa magnética que ven incluída no propio kit de Kase.
O anel delgado ven cunha pequena ferramenta de plástico que nos facilita a tarefa de roscalo na lente, aínda que non necesitei usala xa que se coloca perfectamente coa man.
Ademáis, tódolos filtros desta serie son compatibles con filtros de rosca do mesmo tamaño. Iso significa que poderás roscar ao propio filtro magnético calquera filtro clásico que teña o mesmo diámetro.
Todos estes detalles aumentan a versatilidade do noso equipo e permítennos ser máis rápidos e eficientes á hora de tomar a foto.
En cambio, os adaptadores para empregar os filtros coas miñas outras lentes (recordade que Kase tamén me enviou adaptadores para 77mm e 82mm) só permiten o uso dos filtros magnéticos e impiden ter o parasol colocado ou a tapa orixinal posta, aínda que poderemos colocar a tapa magnética que trae propio kit.
Descoñezo como será o seu rendemento e compatibilidade con outras combinacións de equipo, pero no meu caso foi de 10. Podo traballar cos meus antigos filtros de rosca e portafiltros e combinalos cos filtros Kase sen moito problema no caso de necesitalo.
Calidade Óptica
Os cristais empregados nos filtros Kase KW Revolution son dunha calidade óptica excepcional. Traen un tratamento multicoating antirreflexo e repelente á auga/aceite en ambas as caras, o que nos permite limpalos con máis facilidade cando nos achegamos demasiado a unha cascada ou cando unha onda nos asusta estandos preto do mar. Vivín ambas as situacións e, ¡funciona!
Polo de agora, non detectei ningún tipo de problema ou perda de calidade nas miñas fotografías, mesmo combinando varios filtros.
Viñeteo
O viñeteo pode ser o único punto “negativo” que atopei ao traballar con estes filtros.
Co Irix Blackstone 15mm de 95mm fixen 3 probas.
- Irix Blackstone 15mm + Kase WM Revolution CPL
- Irix Blackstone 15mm + Kase WM Revolution CPL + Kase WM Revolution ND8
- Irix Blackstone 15mm + Kase WM Revolution CPL + Kase WM Revolution ND8 + Kase WM Revolution ND64
Pódese comprobar que na primeira imaxe, usando só o CPL, xa presenta un leve viñeteo que se acentúa ao engadir un segundo filtro e que se fai totalmente evidente ao incluír un terceiro.
Xa non me plantexei engadir outro máis, o resultado sería xa inviable.
Co Canon 16-35mm de 82mm (con adaptador step up) fixen 3 probas.
- Canon 16-35mm 82mm + Kase WM Revolution CPL
- Canon 16-35mm 82mm + Kase WM Revolution CPL + Kase WM Revolution ND8
- Canon 16-35mm 82mm + Kase WM Revolution CPL + Kase WM Revolution ND8 + Kase WM Revolution ND64
Nas dúas primeiras imaxes non se aprecia ningún tipo de viñeteo e na terceira comeza a verse unha pequena sombra, o que nos garante resultados con 2 filtros e con 3 un viñeteo moi leve. Non cheguei a probalo con 4, pero creo que non sería algo realmente grave e, en realidade, é raro necesitar tantos filtros ao mesmo tempo.
De tódolos xeitos, e salvo casos moi moi extremos, un pouco de viñeteo non é nada preocupante nin que invalide o seu uso, xa que se pode corrixir na edición ou cun pequeno recorte.
A miña recomendación para evitar estes problemas de viñeteo cando se combinan filtros magnéticos con lentes de diferentes diámetros é que o teu kit sexa dun diámetro superior ao da túa lente máis grande ou como moito do mesmo tamaño (asumindo que terás máis problemas co viñeteo neste caso). Deste xeito, poderás usar os filtros de forma nativa nesta lente ou con adaptadores step up.
Se queres asegurarte aínda máis, na propia web de DCAMARA existen unha serie de táboas onde se recollen algunhas das combinacións de filtros, aneis Step Up e lentes nas que se produce viñeteo. Recoméndote botar un ollo antes de mercar os teus filtros para evitar isto.
Conclusións
Despois duns meses empregando os filtros Kase KW Revolution podo dicir que axilizaron o meu fluxo de traballo no campo e permitironme obter resultados cos que estou moi satisfeito.
O feito de ser compatibles con outros sistemas clásicos deume a liberdade de escoller a combinación axeitada en cada momento segundo as miñas necesidades, e por iso creo que esta versatilidade é un dos puntos fortes deste kit de filtros.
Destacable
- Calidade óptica: A nitidez e calidade das túas fotografías non se verán modificadas polo seu uso.
- Versatilidade: Posibilidade de combinar os filtros magnéticos entre si e con outros filtros/portafiltros con sistemas clásicos.
- Rapidez e Axilidade: Resulta moi sinxelo colocalos na lente, xirar o polarizador e identificar cada un deles pola cor do seu anel.
- Organización: Todo o kit cabe no seu propio estuche de xeito que todo irá ben protexido e organizado.
- Creatividade: As posibilidades que aporta a combinación dos filtros ofrécenos un sinfín de posibilidades fotográficas.
A ter en conta
Non atopei ningún problema real no campo, agás algúns detalles que considero importante mencionar.
E referíome a eles como detalles, non como problemas, precisamente porque teñen unha solución sinxela:
- Viñeteo: Acumulando moitos filtros en lentes moi angulares pode aparecer viñeteo. Nada que non se poida resolver na edición nos casos non extremos.
- Dominantes: Detectei que o filtro polarizador engade unha lixeira dominante magenta nalgunhas circunstancias. Concretamente, ocorreu nalgunhas fotografías tomadas durante as últimas horas de luz.
- Cores moi vivas: É ben sabido que os filtros polarizadores eliminan reflexos e ademáis acentúan as cores. No caso dos Kase, este efecto é bastante notable, quizáis máis que noutros filtros que probei anteriormente. Habera quen lle guste e quen non, pero sexa como sexa, ten unha solución moi sinxela “despolarizando” un pouco antes de facer a toma ou diminuíndo a saturación na edición.
- Ao comezo, pode resultar un pouco complicado separar dous filtros ou a tapa magnética cando están colocados na lente. Pero insisto, é cuestión de práctica e co tempo resulta máis sinxelo.
LÉMBRATE!
A partir de hoxe podedes desfrutar dun desconto dun 8% en tódolos productos KASE usando o código LOST na web de DCAMARA!
Uso de Filtros en Fotografía
O uso de filtros nas nosas fotografías fomentará a nosa creatividade e permitiranos conseguir resultados que difícilmente obteriamos sen eles.
Aquí vos deixo un exemplo de como o uso de filtros pode cambiar radicalmente unha mesma escena:
Foto con revelado básico: Canon 5D MK IV + Canon EF 16-35mm F2.8 II USM
Foto con revelado básico: Canon 5D MK IV + Canon EF 16-35mm F2.8 II USM + Polarizador KASE KW Revolution + Filtro KASE KW Revolution ND1000
As miñas Fotografías
Aquí vos deixo unha mostra do resultado final dalgunhas das fotografías que tomei nestas últimas semanas e nas que empreguei o Kase KW Revolution Magnetic Professional ND Kit.
Non esquezades contarme que vos parecen nos comentarios!
Leave a reply