Boas lector!
Volto por fin cun novo artigo no meu blog e, ademáis, esta vez cunha pequena sorpresa para vós. Lede ata o final!
Facía tempo que tiña unha idea na cabeza, un proxecto ó que lle tiña moitas ganas, aínda que tamén sabía que ía ser un reto para min.
A miña idea era simple, mesturar a iluminación de cogomelos, á que lle chamo Fungus Enlightening, con outra técnica que ata o momento era totalmente descoñecida para mi, a Macrofotografía.
O concepto da fotografía macro é a antítese do que adoitamos buscar na fotografía de paisaxe, á que adoito adicarme e que está chea de grandes espazos nos que prima a profundidade de campo e os grandes angulares. Tiven que cambiar o chip completamente para poder mergullarme no mundo do minúsculo e do insignificante, deixando a miña zona de confort pero…así é como un máis aprende!
Unha vez decidido a levar a cabo este proxecto, contactei coa equipa de Irix Lens que se mostraron moi interesados dende un primero momento e me emprestaron unha unidade do Irix 150mm F2.8 Dragonfly Macro. Esta lente é a abanderada da macrofotografía no catálogo da marca.
Poucos días despois de falar con eles recibín unha unidade desta lente macro e dispuxenme a aprender o máximo posible deste pequeno mundo, completamente descoñecido para min.
Irix 150mm F2.8 Dragonfly
Teño que recoñecer que a presentación á que nos ten afeitos a marca, como xa comentei en artigos anteriores, é realmente exquisita e é de agradecer cando tódolos detalles son coidados do xeito máis agarimoso.
A lente vén nunha caixa completamente negra coas inscricións e informacións en azul e branco, sendo estas as cores habituais nas imaxinería de Irix. Nada máis abrilo atopamos a característica libélula que identifica ós modelos Dragonfly, unha tapa traseira de reposto e unha funda ríxida de neopreno coa lente no seu interior.
A primeira sensación que teño nada máis saco a lente da súa funda é que é realmente robusta e sorprendentemente lixeira. A súa construción está baseada nunha aliaxe de magnesio, convertida xa nun estándar dentro da marca, e tamén está selada en puntos clave, dándolle así a resistencia necesaria contra ós elementos cando a climatoloxía é adversa.
Informacións, tales como a distancia de enfoque ou o factor de aumento, pódense ver na superficie gravadas directamente no metal e reforzadas con pintura reactiva UV para facelas máis facilmente lexibles en calquera momento e condición. Ademáis, conta cun anel de enfoque revestido de goma que proporciona comodidade e suavidade durante todo o seu percorrido, dun total de 270º, para conseguir os mellores resultados no momento de enfocar.
A construcción da lente consta de 12 elementos dispostos en 9 grupos: tres deles Super-Low Dispersion ED e outros 4 con alto índice de refracción que axudan a evitar aberracións cromáticas garantindo así a máxima nitidez e calidade nas nosas imaxes.
Outro dos puntos que me chamou a atención é o soporte para trípode, tamén metálico e compatible con Arca Swiss, que nos axuda a conseguir a mellor estabilidade, moi necesaria nunha disciplina como é a Macrofotografía.
Detalles Técnicos
A miña idea é non pararme moito nas especificacións técnicas da lente, xa que están dispoñibles na páxina web de Irix Lens, senón remarcar aquelas que semellan máis interesantes:
- Escala 1:1 e distancia mínima de enfoque de 35 cm: Permitiranos tomar fotos moi perto do noso suxeito.
- Apertura máxima de F2.8: Lente súper luminosa que nos axudará a traballar cómodamente en condicións de pouca luz.
- Anel de enfoque de 270º: Ofrécenos a maior comodidade ao enfocar.
- Enfoque manual: Aínda que nun principio podería ser un hándicap, non é así polo paseniño da macrofotografía.
- Confirmación do foco: É útil en moitas ocasións para detectar se estamos enfocando onde realmente o pretendemos.
- Transmisión de Datos EXIF.
- Desenfoque: 11 láminas redondeadas compoñen o diafragma conseguindo así un bokeh moi suave e fermoso.
- Bloqueo do anel de enfoque: Para evitar accidentes!
- Neutrino Coating: Exclusivo da marca, nos proporciona unha gran nitidez.
A miña experiencia
O Irix 150mm F2.8 Dragonfly cumpre cas expectativas e os estándares de calidade cos que a marca ven traballando. Tódolos detalles foron coidados ao máximo e da forma máis minuciosa, o que nos permitirá sacarlle o máximo partido a esta lente e conseguir moi bos resultados.
Esta lente ofrécenos tomas nítidas, sen case distorsións ou aberracións estrañas, e garante unha excelente calidade nos resultados.
Non son un experto en macrofotografía pero dentro da miña experiencia como fotógrafo e co que puiden traballar con esta lente nos últimos meses, paréceme unha magnífica opción para conseguir resultados realmente brillantes nesta disciplina.
Agradecimiento
O meu máis sinceiro agradecemento á equipa de Irix Lens por cederme este gran Irix 150mm F2.8 Dragonfly, permitíndome así realizar a miña primeira incursión no mundo da Macrofotografía. Sen a súa colaboración este proxecto non sería posible!
Velaquí vai a sorpresa!
Ademáis, tiveron a xentileza de crear un código de desconto para todos aqueles lectores de Lost in Woodlands Photography que desexen facerse con esta magnifica lente.
Usa o código WOODLAND para obter un 10% de desconto no teu Irix 150mm F2.8 Dragonfly na tenda de Irix Lens. Non perdas a oportunidade!
Macrofotografía
A miña experiencia nesta disciplina é practicamente nula. Nunca me interesara en exceso o mundo do minúsculo e o que, en moitas ocasións, semella incluso insignificante ou mesmo insípido. Nada máis lonxe da realidade!
Teño que recoñecer que tiven que cambiar por completo a miña forma de ver a fotografía para poder ver máis aló do obvio e adaptarme a este novo mundo. Nun principio mesmo foi frustrante ver que os resultados non eran os esperados, pero con esforzo e paciencia comecei a comprender os conceptos e peculiaridades da macrofotografía. Non son un experto, nin moito menos, pero conseguín resultados cos que podo estar bastante satisfeito.
Unha vez aprendida a teoría, chegou o momento de saír ao campo a experimentar!
Fungus Enlightening
Como comentab ao comezo deste artigo, a miña idea principal era levar o meu proxecto Fungus Enlightening ao mundo da macrofotografía e obter así imaxes con moito máis detalle.
A idea é bastante sinxela a nivel conceptual. Obter a través da iluminación artificial e natural ese efecto luminoso e ese glow místico nos cogomelos para darlles un halo máxico e irreal. Coma se acabaran de saír dun conto de fadas!
El material empregado para este proxecto é o siguinte:
- Canon 5D Mark IV.
- Irix 150mm F2.8 Dragonfly Macro.
- Trípode e placa micrométrica.
- Varias luces LED e xeles de cores.
Buscando Cogomelos
Levo os últimos meses mirando o chan, durante os meus paseos en busca de fervenzas por bosques e fragas ía tentando localizar cogomelos cos que practicar. No comezo era un pouco difícil atopar suxeitos interesantes pero unha vez que chegaron as primeiras choivas do outono, os bosques enchéronse destes pequenos seres vivos e tiven un banco de probas marabilloso para experimentar.
Unha vez localizo un cogomelo, comprobo que está en perfecto estado e comezo a pensar en posibles composicións tendo en conta todo o que o rodea. É importante ter en conta cada detalle, cada folla, ramiña ou brizna de herba, por insignificante que pareza, xa que pode “arruinar” unha composición e evitar que a mirada se centre no tema principal que intentamos retratar.
O seguinte paso, unha vez que a composición base xa está organizada, é a iluminación. A idea é que o cogomelo teña certo resplandor místico e que pareza que é el mesmo a fonte da luz, que o propio himenio é o que se ilumina e proxecta esa luz cara abaixo, cara o estípe, o anel (se o ten), a volva e a zona que os rodea.
Dependendo da especie de fungo que se vaia retratar, comportarase de forma diferente ante a luz. Deste xeito hai dúas opcións.
- Se a parte superior do cogomelo é translúcida, aplico luz por riba do sombreiro de tal xeito que se converta nun difusor de luz natural e a proxecte cara abaixo.
- Se polo contrario, a parte superior do cogomelo non é translúcida, aplico a iluminación desde abaixo para conseguir un efecto similar ao do punto anterior.
Persoalmente prefiro a primeira opción !xa o resultado é moito máis natural e orgánico!
A toma (ou máis ben moitas delas)
Unha vez preparado o conxunto, é o momento de facer as tomas. Imos alá!
A particularidade das lentes macro 1:1, como a Irix 150mm F2.8 Dragonfly, é que retratan o suxeito no seu tamaño real. Isto significa que se fotografas un cogomelo de 1 cm a súa imaxe ocupará 1 cm no sensor. Por este motivo, cando disparamos cos diafragmas máis abertos a área de enfoque é realmente pequena, o que dificulta a obtención de todo o detalle que buscamos.
Aquí é onde entra en xogo un novo elemento, un artefacto que nos permitirá mover o foco en fraccións de milímetro case imperceptibles, o carril micrométrico ou rail micrométrico. Con el poderemos conseguir que todo o noso suxeito este en foco, tomando moitas imaxes para poder facer un apilado de todas elas despois.
O proceso comeza enfocando a parte máis afastada do noso suxeito, facendo unha primeira foto para comprobar que o histograma, a luz e a composición son os desexados. Unha vez que teñamos todo isto, é o momento de facer as distintas tomas, desprazándose co carril micrométrico, dende ese punto máis afastado ata quede perfectamente enfocado o punto máis próximo a nós.
É posible que a primeira vez que fagamos todo o proceso resulte un pouco abrumador, tedioso ou pesado pero unha vez que te acostumas, sae prácticamente sen pensar. Ademáis, cando vexas o resultado final comprobarás que todo o esforzo e tempo adicado pagaron moito a pena.
Xa temos o material, agora toca procesalo!
Edición e Procesado
Voltamos ao ordenador e temos un montón de tomas para unha soa imaxe así que é o momento de facer o apilado. Existen diferentes programas para levar a cabo este proceso, aínda que, dos que puiden probar, me quedo con Helicon Focus.
O meu fluxo de traballo sería:
- Procesado básico con Capture One.
- Apilado con Helicon Focus.
- Procesado final con Adobe Photoshop.
Agora só quedaría o máis importante, a creatividade e a visión que cada fotógrafo ten do que desexa plasmar!
Leave a reply